A deputada socialista Noela Blanco acusou hoxe ao PP de “marxinar Ribadavia” ao vetar unha proposta socialista que pedía a restauración das 6 liñas ferroviarias entre a vila e Ourense suprimidos por Rajoy en 2013. Blanco presentou unha proposición non de Lei pedindo a declaración das liñas como Obrigación de Servizo Público para que o goberno financiara parcialmente os billetes.
A responsable socialista reclamou a recuperación dos 6 servizos suprimidos en 2013 na liña rexional entre Ourense – Vigo que conectaba Ribadavia coa capital da provincia en horario de mañá, tarde e noite. Lembrou que a reordenación de liñas ordenada polo goberno de Rajoy en 2013 supuxo a perda de 12 servizos diarios en Ourense, e que afectou sinaladamente á conexión con esta vila de 5.000 habitantes.
Blanco lembrou a obriga do goberno de garantir a cohesión territorial e a igualdade de oportunidades tamén das persoas que viven no rural e lembrou a rendibilidade social desta conexión ferroviaria. Sinalou que a liña ferroviaria desta vila “esmorece polas escasas frecuencias, avarías e elevados prezos dalgúns horarios”.
Os socialista reclamaron que se recuperen as frecuencias suprimidas en 2013 con horarios realmente adaptados ás necesidades da cidadanía. Ademais solicita que se declaren estas liñas Obrigación de Servizo Público, o que suporía que o Estado financie o 70 por cento do billete ao igual que fixeron en Córdoba, Castellón, Alicante, Asturias, Cantabria e Madrid
Orzamentos
Blanco acusou ao PP de “falar dos orzamentos do Estado coma se nos tocara aos galegos e galegas o Gordo de Nadal cando resulta que non nos tocou nin sequera a pedrea”. Lembrou que o Ministerio de Fomento investiu máis en 2011, en plena crise –máis de 1.300 millóns de euros-, que en 2018, cando cun crecemento do 3 por cento prevén investir 936 millóns de euros.