O voceiro parlamentario advirte de que esta forma de actuar “resta credibilidade” ao conselleiro de Facenda, que “non conta o que fai”, e aos propios proxectos orzamentarios
Santiago, 26 de marzo de 2018. O voceiro parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, denunciou este luns a “ocultación clarísima” por parte da Xunta dunha ampliación do seu endebedamento que se utilizou para pagar gasto corrente “a costa de inversións” que ían ser cofinanciadas con fondos europeos.
En concreto, como explicou en rolda de prensa, reprogramáronse para anos posteriores actuacións por valor duns 220 millóns de euros, ou o que é o mesmo, de “case un euro de cada dous” dos cartos que veñen de Europa.
“Dilátase a súa execución co obxectivo de liberar fondos propios para destinalos a gasto corrente”, reprobou Leiceaga, quen engadiu que a Xunta renunciou tamén a investir máis de 30 millóns de euros en materia de emprego, a tomar medidas de prevención de incendios e a mellorar centros de saúde ou escolas infantís, entre outras cuestións.
En canto á ampliación da débeda, recordou que os socialistas demandaran recorrer a esa vía para mellorar a política social; se ben os populares e o goberno galego manifestáronse en contra de chegar ata o tope máximo autorizado. En cambio, cuestionou, si o fixeron a posteriori para abonar gasto corrente do Sergas.
Neste punto, o voceiro parlamentario rememorou como os socialistas xa advertiran no debate orzamentario de que certos capítulos estaban dotados de xeito “insuficiente”. “Compróbase que tiñamos razón, que era verdade”, evidenciou Leiceaga.
“A REALIDADE E A RETÓRICA, POR CAMIÑOS DISTINTOS”
Xunto con isto, Leiceaga mostrou a súa “perplexidade” pola “pequena farsa” protagonizada polo conselleiro de Facenda ao comparecer na Cámara en febreiro para abordar modificacións nos Orzamentos sen ter “o detalle” de notificar o aumento do endebedamento.
“O importante non se conta, só se conta aquilo que resulta favorable para a Xunta”, censurou, ao tempo que puxo de manifesto que “a realidade e a súa retórica van por camiños distintos”, Leiceaga advertiu de que este proceder “resta credibilidade” ao conselleiro e ás propias contas.
“Así non se pode tomar en serio o documento orzamentario”, abundou, ao tempo que anunciou iniciativas para aclarar o peche do exercicio. Parece, como dixo, que o goberno galego “non é capaz de contar o que fai”.