A portavoz de Xustiza do Grupo Socialista, Patricia Vilán, urxiu hoxe o reforzo dos medios materiais e humanos para a Xustiza en Galicia, e nomeadamente para o Ministerio Fiscal. Así o dixo no debate dunha pregunta en Comisión, na que advertiu que limitar os prazos das instrucións sen aumentar os medios supón de facto “unha amnistía para as tramas de corrupción”.
Vilán reclamou que “incidan de forma oficial ou oficiosa para pedirlle ao goberno máis medios materiais para o Ministerio Fiscal en Galicia”, e puxo en cuestión o papel que ten tomado o goberno central e sinaladamente o actual ministro de Xustiza. Asía o dixo logo do relevo de 35 titulares de órganos clave e a redución drástica dos prazos para as dilixencias de instrución pola reforma do artigo 324 da Lei de Axuizamento Criminal.
A responsable socialista fíxose eco das advertencias da Unión Progresista de Fiscais, que advirte que a redución dos prazos sen incrementar os medios “determinará a impunidade dunha boa parte” de causas contra a corrupción. Apuntou que “se corre o risco de que este artigo provoque unha amnistía nos xulgados para as tramas de corrupción”.
Nova oficina xudicial
Patricia Vilán puxo en dúbida ademais a decisión do goberno galego de externalizar a elaboración dun estudo sobre o desenvolvemento do proxecto de oficina xudicial de Ourense. A responsable socialista advertiu que “pedirlle a unha empresa externa que determine se os recursos humanos son os axeitados é rirse de todos os galegos e as galegas”.
Criticou que teñan contratado a unha empresa privada cando o decreto que establece a nova oficina xudicial xa foi publicado e “tódolos datos estatísticos que se necesitarán nunha experiencia piloto xa están dados polo Consello Xeral do Poder Xudicial e polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia”.
Vilán acusou ao goberno galego de deixar “en precario” á xustiza galega, logo de que “renunciaran a poñer medios enriba da mesa” dende que chegou Feijóo á Xunta, e que, engadiu, “a situación da Fiscalía e da nova oficina xudicial son un exemplo”.