A portavoz de Medio Ambiente do Grupo socialista, Patricia Vilán, levou hoxe a Comisión parlamentaria as protestas dos colectivos de usuarios da bicicleta, como Pedaladas ou Masa Crítica, fronte ás dificultades impostas por Renfe para o transporte de bicicletas na liña entre Vigo e A Coruña.
A responsable socialista advertiu que recentemente teñen reducido á metade as prazas para as bicicletas, que antes eran 6 e agora son só 3, para habilitar a instalación de máquinas expendedoras. Ademais, dixo, hai que pagar unha tarifa extra, pero esta non se pode reservar por web, senón que hai que comprala na estación, sen saber previamente se hai praza libre, e cada billete ocupa o espazo na totalidade do traxecto.
Esta circunstancia impide que o mesmo enganche sexa utilizado por dous usuarios distintos no mesmo traxecto, culminando un conxunto de problemas que “dificulta a desexable combinación de tren e bicicleta para os desprazamentos. Vilán anunciou que esta iniciativa, que hoxe foi formulada como pregunta, será presentada como unha proposición non de Lei para que o PP defina a súa posición a través do voto.
Eurovelo
Ademais, reclamoulle ao goberno galego que se una á iniciativa Eurovelo, un proxecto da Federación Europea de Ciclistas, que en Galicia foi abandeirada pola entidade ConBici, dirixida a permitir atravesar Europa en bicicleta. Trátase de 15 rutas ciclistas que percorren Europa e que no caso do Eurovelo Atlántico permitiría estenderse dende Camiña, en Portugal, por toda a costa galega e o prazo para adscribirse remata en 2019.