O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, acusou hoxe a Feijóo de aplicarlles un “imposto aos maiores non declarado” abocándoos ás residencias privadas mentres suben os prezos e baixa o poder adquisitivo das pensións. Na sesión de control ao presidente da Xunta, sinalou que Galicia conta tan só con 1.397 prazas autonómicas nas residencias para 670.000 maiores.
O responsable socialista lembroulle hoxe ao presidente da Xunta o seu compromiso anunciado hai un ano de construír 7 novas residencias públicas, unha en cada cidade galega, das que non figura “nin un euro” nos orzamentos para 2018. Advertiu que logo de nove anos de xestión do PP no goberno galego “é imposible atopar praza nunha residencia” en Galicia.
Fernández Leiceaga apuntou que hoxe as listas de agarda están por riba das prazas autonómicas dispoñibles, e que “precisariamos 12.000 prazas máis para acadar a ratio recomendada pola OMS”, mesmo contando coas privadas. Apuntou que “non é imposible” porque autonomías como Castela León, Asturias, Estremadura ou Castela A Mancha cumpren coa ratio e preguntou “se elas poden, por que nós non”.
Os socialistas galegos reclamáronlle así ao presidente da Xunta que utilice o marxe de endebedamento para impulsar un Plan de construción de residencias públicas, ademais de concertar a curto prazo 1.000 prazas máis para este ano 2018.
Malestar dos maiores
Fernández Leiceaga levou á Cámara o malestar das persoas maiores, que esta fin de semana se manifestaron en toda España para reclamar unhas pensións dignas, unha situación particularmente grave en Galicia, onde as pensións medias son particularmente baixas e Lugo e Ourense son as únicas provincias nas que a pensión está por debaixo dos 800 euros.
Os socialistas galegos consideran “inaceptable” que o goberno central suba as pensións 2 euros ao mes, un 0,25 por cento negándose a unha revalorización automática polo IPC. Esta situación supón que a unha inflación do 2 por cento anual, un pensionista perde en 20 anos un 30 por cento da súa pensión, o que supón que pasaría de cobrar 1.000 euros aos 65 a apenas 600 aos 85, mentres a situación das mulleres é aínda peor.
Este é o motivo que levou a milleiros de persoas maiores á rúa esta fin de semana, que demostraron que “están enfadados, moitos mobilizados, outros perplexos e todos eles molestos porque non entende que nun contexto de recuperación económica as súas necesidades non sexan atendidas”.
Revalorización das pensións
O portavoz socialista respondeulle hoxe ao presidente da Xunta, que criticou un suposto voto en contra dunha iniciativa do PP sobre as pensións, que estes rexeitaron unha emenda socialista para pedir que os Orzamentos recollan a revalorización das pensións e investir 1.300 millóns de euros en infraestruturas para Galicia.
Fernández Leiceaga emprazou ao presidente da Xunta a “presionar a Rajoy para que acepte revalorizar todas as pensións ao nivel do IPC e faga posible, no Pacto de Toledo, un marco sustentable de pensións dignas e equitativas”.