O Pleno do Parlamento aprobou hoxe unha moción do Grupo Socialista para reclamarlle á Xunta que defenda a incorporación de Galicia ao Plan de Investimento de Infraestruturas de Fomento con obras en ata seis autovías. A portavoz de Ordenación do Territorio do Grupo Socialista, María Pierres, criticou o desleixo da Xunta, que continúa defendendo ao Executivo cando non destina un só euro dos 2.200 millóns que investirá no próximo ano e medio.
Pierres parafraseou ao propio portavoz do PP para reclamarlles “deixarse de lerias e poñerse a traballar” para reivindicar a presenza de Galicia neste Plan de Investimento. Criticou que a estratexia do goberno galego de renunciar aos investimentos para Galicia supón “un gol de Mariano Rajoy, que deixou en fora de xogo a Feijóo e á conselleira e banquillo para os galegos e galegas que agardan para saír ao campo de xogo”.
A proposta socialista aprobada hoxe inclúe un catálogo de obras “estratéxicas para Galicia” que “consideramos que deberan ser tidas en conta”. Reclamoulle ao goberno galego que “non dean o partido por perdido” e “apoien esta reivindicación e sitúen a Galicia no mapa, do que Mariano Rajoy se empeña en borrarnos unha e outra vez”.
A proposta aprobada inclúe un novo trazado da autovía entre Porriño e Vigo, a Autovía da Mariña, entre San Ciprián e Barreiros, ou a A-56 que conectaría coa A-54, levando ata Lugo.
Tamén aprobouse pedir a A-57 entre Ponteareas e Pontevedra e a A-59 conectando a A-57 con Vilaboa e Peinador, dúas propostas que contaron co voto en contra da Marea, mentres a A-76 entre Ourense e a saída central de Galicia cara Ponferrada foi aprobada coa abstención daquel grupo, mentres o BNG abstívose na totalidade desta iniciativa.
Pierres lembrou hoxe que o Ministerio ten reducido a media anual de adxudicacións en 370 millóns de euros anuais, dende os 700 millóns dos gobernos de Zapatero aos 331 de Rajoy, un exemplo, sinalou, de que “o PP confunde estar quentando na banda con estar dentro do campo de xogo”.
De acordo coa patronal da construción –Seopan-, engadiu o total de investimentos do Estado en Galicia teñen baixado dende os 1.160 millóns anuais dos gobernos socialistas aos 540 millóns de euros anuais do PP.
Texto da iniciativa aprobada hoxe:
-O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a seguir demandando do Ministerio de Fomento que a través do plan Extraordinario de Inversión de Estradas posto en marcha polo mesmo nos anos 2018 e 2019, ou ben pola vía orzamentaria, se efectúe a licitación das obras das autovías seguintes:
1. Novo trazado na A-55 entre Porriño e Vigo que conectaría coa A-52.
2. A-74 ou autovía da Mariña, conectando San Ciprián e Barreiros, para enlazar coa A-8.
3. A-56 que conectaría Ourense coa A-54 para acadar a cidade de Lugo.
4. A-57 que transcorrería nunha primeira fase dende Ponteareas a Pontevedra.
5. A-59 que conectaría coa A-57 e transcorrería dende Vilaboa ata Peinador.
6. A-76 que conectaría Ourense coa saída / entrada central de Galicia ata Ponferrada.