O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, instou hoxe á Xunta a fixar “unha cifra” como obxectivo nas negociacións do futuro modelo de financiamento autonómico. Así o dixo no debate dunha interpelación ao conselleiro de Facenda, na que criticou que eviten comprometerse “porque cren que a negociación vai ir mal”.
O responsable socialista acusou ao goberno galego de “xogar coas cartas marcadas” para anticipar un mal resultado e “poder dicir que a pesares de todo saímos moi ben”. Lembrou que a Comisión de Expertos do goberno apuntaba a un investimento adicional para as comunidades autónomas dun mínimo de 16.000 millóns de euros para restablecer o peso do gasto social nas comunidades autónomas.
Fernández Leiceaga urxiu ao goberno galego a presentar unha cifra como obxectivo mínimo “para que Galicia quedara satisfeita”, e reclamou que o goberno explique os criterios que quere introducir na negociación para acadar unha mellor ponderación do peso relativo de Galicia no modelo de financiamento, tales como as necesidades de gasto, avellentamento ou dispersión poboacional.
Criticou tamén a incongruencia entre os membros da Xunta, xa que logo da xuntanza dos presidentes de Galicia, Asturias, Castela e León e Aragón reclamaran “unha solución” aos mecanismos extraordinarios de financiamento, en contra do que dixo hoxe o conselleiro. Reclamoulle que “abordemos a reforma da maneira que resulte máis beneficiosa para nós”.
Advertiu que a entrada en xogo do FLA ou do Fondo de Facilidade Financeira supuxo que Galicia pasara de estar un pouco por enriba da media no financiamento a estar “moi por debaixo”, en beneficio das autonomías incumpridoras. Reclamou por iso unha solución igualitaria que elimine os ditos mecanismos e fixe un límite á “reestruturación ou quita da débeda” a partir do cal as comunidades autónomas teñan que emitir débeda ao mercado.