O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, criticou hoxe que o PP vetara a moción socialista para pedir máis dotación material e humana nos servizos de urxencias dos centros hospitalarios de Galicia. O responsable socialista advertiu que Galicia conta cunha das “peores ratios de persoal por paciente do Estado”.
Este déficit de recursos, dixo, está detrás das listas de espera, do colapso dos servizos cando hai subas na demanda, e déficit asistencial na sanidade pública, que comeza na Atención Primaria pero deriva no colapso das Urxencias pola excesiva demora na atención. Apuntou a un “problema gravísimo de persoal sanitario a pesares de que amosan un rendemento moi por riba do que se podería agardar” derivando en “excesos laborais enormes”.
Acusou ao goberno galego de agochar 6.500 profesionais sanitarios que están orzamentados pero na realidade non son contratados. Sinalou que o PP “parece querer un grupo de entre 800 e 1.000 profesionais agardando todo o ano para traballar en substitucións nos 2 meses do verán ou no pico de Navidade”, cunha “xestión irracional e absolutamente ineficiente”, mentres o PP culpa aos enfermos por ter a “mala idea de poñerse malos en vacacións”.
Proposta
Os socialistas reclamáronlle hoxe ao goberno galego elevar a dotación dos servizos de urxencias “negociando cos colectivos profesionais e sindicais de cada centro hospitalario un plan de aumento de persoal progresivo durante os dous próximos anos”.
Ademais, solicitaron un informe das xerencias dos centros hospitalarios sobre os episodios de saturacións vividos en cada centro, incluíndo a previsión realizada, a dotación de recursos e o reforzo, así como unha avaliación do desenvolvemento da labor nos momentos de maior volume de pacientes.