O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, reclamou hoxe a retirada da reforma da Lei de Saúde, que iniciou hoxe o trámite parlamentario co único voto a favor do PP. Sinalou que se trata dunha reforma “covarde” concibida para “desigualar” a atención sanitaria “demográfica e xeograficamente”.
Acusou ao goberno galego de “afastar o sistema das persoas”, provocando un “problema de dispersión de recursos” deteriorando especialmente a atención sanitaria nas áreas semiurbanas e rurais, que reciben un modelo “de segunda”. Sinalou ao conselleiro para apuntar que “pode ser quen defenda ao sistema ou o ariete do goberno contra a sanidade pública, vostede decide”.
O responsable socialista presentou a emenda de devolución á que é a sexta reforma da Lei de Saúde de Galicia, que “nunca foi anunciada, nin comprometida, nin presentade a debate nin a ningún colectivo”. Advertiu que a Lei foi aberta a alegacións un 2 de agosto, “cando ata a Consellería estaba de vacacións”, e aprobada no Consello na ponte de decembro, e advertiu que “cando alguén se agocha ten algo que ocultar”.
Torrado cuestionou as “formas inaceptables” do goberno galego, que explicou a reforma no Parlamento “dez meses despois de iniciar a tramitación”, e que a concibiu “sen falar con ninguén, nin cos sindicatos, nin os colexios profesionais, nin os partidos nin os colectivos de pacientes”.
Trátase ademais dunha norma que foi imposta sen aceptar ningunha das alegacións dos colectivos profesionais implicados e que alertaban das súas graves consecuencias sobre o sistema sanitario público.
Degradación das áreas comarcais
Comezou sinalando a importante “degradación das áreas comarcais” de Valdeorras, Monforte, A Mariña ou O Salnés, que perderon drasticamente recursos materiais e humanos, coa supresión de servizos en todos eles. Sinalou que con esta reforma provocan a perda de capacidade e eficiencia nestes hospitais porque, explicou, “ao perder independencia, gañan dependencia, consolidando un servizo de segunda”.
Apuntou ademais á redución da participación dos consellos de Saúde, aos que lles retiran o dereito á información porque “o consideran perigoso” pero, puntualizou, “un dereito non se decide dende unha Consellería”. Ademais, apuntou, suprimen a súa capacidade de avaliación, co que, ironizou, “poden crear 136.000 consellos así, pero non terán validez ningunha”.