O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, reclamoulle hoxe ao PP e a o goberno galego que “recapaciten e non fagan ouvidos xordos” fronte ao “clamor da xente” que participou na manifestación contra a reforma da Lei de Saúde, onte en Santiago de Compostela. O responsable socialista pediu a devolución da reforma, que iniciará mañá o seu trámite parlamentario.
O portavoz socialista sinalou que a contundencia da protesta amosa a “fortaleza da querenza por uns servizos públicos de calidade en Galicia” e instou ao goberno galego a “non agochar a realidade detrás dunha ficción moi edulcorada e atendan ás demandas da xente”. Apuntou á participación de diversas asociacións relacionadas coa sanidade que presentaron onte os seus argumentos contra a reforma.
Explicou que a Lei consolida unha sanidade desigual no territorio, ao retirarlle a área sanitaria aos hospitais comarcais do Salnés, A Mariña, Valdeorras e Lemos. Explicou que esta decisión consolida unha “presión desigual” de recursos “rompe polos eslabóns máis débiles” no momento que aumentan as necesidades, ademais de reducir a autonomía da Atención Primaria, que é “clave na sostibilidade do sistema”.
Fernández Leiceaga sinalou que o desmantelamento de facultativos e persoal sanitario “afecta ao conxunto do sistema”, que ao enfrontarse a picos de presión, como foi a campaña de gripe do inverno, “busca puntos de fuga”, o que neste caso traduciuse no “colapso das Urxencias”. Advertiu que o deterioro paulatino da sanidade pública supón precisamente “un dos incentivos para o reforzo da sanidade privada”.
Autoestradas
O portavoz socialista anunciou hoxe a solicitude de creación dunha Comisión de Estudo que permita presentar unha proposta conxunta para “racionalizar” a situación caótica do sistema de peaxes de Galicia. Explicou que hoxe conviven na mesma rede estradas de distinta titularidade nos que conviven tramos bonificados con outros estritamente de pago, e autoestradas con tramos gratuítos pero asumidos por subas no resto das peaxes.
Cualificou de “absurdo” unha situación que resulta ademais “difícil de explicar” e que “merece que poidamos analizar o que está pasando” nun órgano que lle presente unha proposta á Xunta e ao goberno central nun prazo de 6 meses.
Xoaquín Fernández Leiceaga puxo ademais a lupa sobre as consecuencias da decisión do goberno de Aznar, “coa aquiescencia de Fraga”, de ampliar a peaxe da AP-9 por 25 anos no ano 2000. Isto provocará a “singularidade” dunha vía que continuará coa concesión cando a inmensa maioría das concesións das autoestradas do Estado caducarán nos próximos 2 ou 3 anos.
Aquela decisión, dixo, foi a que “xerou que sexan os cidadáns os que financien as obras” de ampliación da ponte de Rande ou de dous carrís do tramo de Compostela, mentres lle sae a devolver ao goberno central, que continúa recibindo ingresos a través do imposto de Sociedades.
Apuntou que Galicia “debera reclamarlle unha compensación ao goberno central” por esta situación “anómala” para conseguir un “alivio” das peaxes. Advertiu que “debemos dirixir a atención a Fomento e ao Goberno Central” e puntualizou que “equivócase quen aposta por dirixirse á concesionaria, optando por unha vía morta que choca co Estado de Dereito”.