O secretario xeral do PSdeG denuncia que suprimir áreas sanitarias supón para os galegos “unha merma da súa calidade de vida” e “unha menor garantía dos seus dereitos”
Monforte de Lemos, 1 de febreiro de 2018. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, desplazouse este xoves ata o Hospital de Monforte para abordar coa xunta de persoal e da plataforma en defensa da sanidade pública da comarca de Lemos as “deficiencias” e “ineficiencias” que eles mesmos teñen detectado e denunciado.
Na súa liña de “intensa defensa” dunha sanidade “pública, gratuíta e de calidade”, fronte aos “recortes e privatizacións” que ten acometido a Xunta, Gonzalo Caballero reivindicou que todos os cidadáns galegos, con independencia do lugar onde vivan, teñen que ter acceso aos servizos públicos “en igualdade de condicións”.
É por iso que rexeitou o proxecto de lei co que o PP tenta reformar o mapa sanitario, pois supón “alonxar” dos cidadáns un servizo que é fundamental. Sobre todo, como evidenciou, en aquelas vilas cunha poboación máis envellecida, que xa sofre “pensións por debaixo da media”, e que verán empeorar “a súa calidade de vida” para facer fronte a desplazamentos.
No mesmo sentido, fixo fincapé en que Feijóo “volve errar” ao “non rectificar” o seu intento de modificar a Lei de Saúde de Galicia, xa que deriva nunha “menor garantía dos dereitos sanitarios” dos galegos ao “afastar” deles os servizos.
“DEFENDER” A SANIDADE O VINDEIRO DOMINGO
Neste contexto, o líder dos socialistas galegos chamou a participar masivamente na manifestación convocada en defensa da sanidade pública en Santiago o vindeiro domingo, pois trátase –dixo- “dun dereito que temos que defender”. Tamén aproveitou para recordar que o PSdeG ten organizado unha xornada para mañá, na que analizará cos profesionais o estado actual da nosa sanidade.
Xunto ao secretario xeral do PSdeG compareceu ante os medios o alcalde de Monforte, José Tomé, tamén presente no encontro cos profesionais sanitarios. Do mesmo xeito que Gonzalo Caballero, apelou á mobilización porque “nos xogamos moito” nas cuestións da saúde e non se pode permitir “unha traizón” aos galegos como a que pretende poñer en marcha a dereita.