O responsable de Política Institucional do Grupo Socialista, Juan Díaz Villoslada, reclamoulle hoxe ao goberno galego que garanta a protección xurídica e institucional dos fondos culturais do Centro Gallego de Bos Aires. No debate dunha pregunta oral no Pleno do Parlamento, advertiu que “está en xogo o legado cultural e a memoria histórica das galegas e dos galegos emigrados”.
O responsable socialista instou a aproveitar o proceso de negociacións da venda do inmoble para garantir a protección do fondo patrimonial porque, dixo, a lexislación propia de Galicia neste sentido “establece un plus de obriga ao goberno galego neste sentido”. Apuntou ás advertencias dos antigos usuarios do Centro, e sinalou que “agardamos que non se trate dun pelotazo en plena Avenida de Belgrano”.
Alertou de que o proceso de venda do inmoble afincado na capital arxentina, logo de máis de cinco anos de intervención por parte das autoridades pola súa grave crise económica e asistencial, está en risco “non só o valor inmaterial e afectivo”. Explicou que o proceso “xera preocupantes incertidumes sobre a asistencia sanitaria aos asociados e a preservación do seu importante patrimonio cultural”.
Consello da Cultura
Díaz Villoslada levou á Cámara o acordo do plenario do Consello da Cultura de Galicia, que o pasado 9 de xaneiro, coa asistencia do presidente da Xunta, propuxo que se adopten tódalas medidas precisas para salvagardar a integridade deste legado. Propuxeron así concederlle o mesmo nivel de consideración e protección que tería “de estar en territorio de Galicia”.
Trátase, lembrou, “tal vez o máis senlleiro centro da diáspora galega no mundo”, onde faleceu Castelao en 1950 e que conta cunha importante biblioteca e fonoteca, o Teatro Castelao e unha pinacoteca con obras de pintores galegos de alto valor artístico, como Seoane, Castelao, Laxeiro, Sotomayor, Colmeiro ou Maside, entre outros.