O responsable de Política Institucional do Grupo Socialista, Juan Díaz Villoslada, advertiu hoxe que o novo contrato de servizos de vixilancia e seguridade nos edificios administrativos da Xunta ten un valor tan baixo que provoca o incumprimento das condicións laborais mínimas. Así o dixo logo dun encontro cos responsables de Seguridade da Federación de Servizos de UGT Galicia.
Presentou unha serie de iniciativas parlamentarias para reclamarlle ao goberno que suspenda esta licitación, iniciada o pasado 18 de novembro, por un valor de 22 millóns de euros. Advertiu que o proceso provoca que as empresas concorrentes asuman per se unha baixa temeraria, o que fixo que as empresas máis solventes se retiraran e tan só se presenten “empresas low cost que non garanten o marco laboral necesario”.
Díaz Villoslada urxiu ao conselleiro de Presidencia, responsable da licitación, a que cumpra coa nova lei de Contratos do Sector Público no relativo aos custes laborais que están obrigados a garantir, neste caso nun concurso que afecta a 180 traballadores do sector.
Os responsables destes traballadores se teñen dirixido xa ao órgano de contratación denunciando “graves problemas de incumprimento de acordos sobre contratación pública con prácticas que non respectan acordos asinados entre as patronais e as centrais sindicais maioritarias no sector”.
UGT
Os responsables de Seguridade da Federación de Servizos de UGT Galicia, Jesús Álvarez e Susana Blanco, alertaron de que a licitación “moi xusta” supón que “non alcance as contías esixibles polo convenio colectivo” para os traballadores. Deste xeito téñense presentado, apuntaron, 4 empresas que en algún caso chegan a incumprir a acreditación dos mínimos criterios de solvencia.
Ademais, supón que as empresas non poderán asumir os requisitos incluídos no mesmo contrato de instalación de desfibriladores, conexión de controles de incendios e intrusión, reparación de elementos electrónicos ou mesmo da contratación de coordinación de servizos. Advirten que o goberno galego chegou a incluír nos pregos un total de 10.500 horas á súa disposición, equivalentes a 5,8 postos de traballo.
O sindicato reclámalle ao goberno galego que refaga o contrato para garantir coas condicións laborais, e que comece por “dotalo dunha parte económica e unha parte de medios materiais diferenciadas”.