O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, participou hoxe na primeira xuntanza de 2018 do Grupo Parlamentario, na que fixaron a estratexia política dos próximos meses. O líder dos socialistas galegos anunciou unha liña de acción “intensa” para conseguir que Feijóo “deixe de mirar cara Madrid e centre a súa axenda nos problemas e necesidades da Galicia real”.
Advertiu que malia que o presidente da Xunta estea “moi cómodo” fixando a súa axenda política en Madrid, a realidade é que Galicia “vai a peor no económico, no social e no demográfico”. Reclamoulle a Feijóo que “se centre nos problemas da Galicia real, non nos cambios de goberno e do Consello de Ministros que poida ou non facer o presidente do goberno do Estado”.
Ratificou a súa sintonía co traballo político do portavoz do grupo e presidente do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, para “manter unha estratexia de acción política que lidere a oposición no país”. Explicou que os socialistas galegos manterán vías de diálogo coa Xunta en asuntos de país como o financiamento ou o pulo demográfico e á vez “unha oposición clara en canto ao modelo económico, o sector produtivo e as políticas sociais”.
Caballero criticou que o presidente da Xunta estea “noutras cuestións” mentres “cae a calidade de vida dos galegos e galegas”. En resposta ás preguntas dos xornalistas, o líder dos socialistas galegos acusou a Feijóo de “buscar escusas para desatender a súa responsabilidade e falla de compromiso e eficacia nas demandas de infraestruturas fundamentais para Galicia, como son o AVE ou a incorporación ao corredor ferroviario de mercadorías.
Oposición útil e eficaz
O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, anunciou unha oposición “eficaz e útil” que permita liderar a acción política da oposición na Cámara autonómica. Por outra banda, explicou que o traballo dos socialistas galegos estará centrado tamén en “evidenciar os problemas da cidadanía de Galicia”, como a sanidade, o emprego ou o deterioro dos servizos públicos.
Criticou a “reticencia de Feijóo á hora de plantarlle cara a Rajoy e defender os intereses de Galicia diante das políticas do goberno central” por manter “un ollo posto na política madrileña pensando que parte do seu futuro pase por aí”.