O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, dixo hoxe que “lamentablemente, se hai algo máis previsible que o pico da gripe é a incapacidade de Sanidade para xestionalo”. Así o dixo logo de constatar o “desastre” da xestión de urxencias e de trasladarlle o respaldo dos socialistas galegos ás demandas de máis recursos e condicións laborais dos profesionais da sanidade pública.
Preguntoulle a Feijóo “onde están” os recursos comprometidos para desafogar a situación da sanidade pública, e tildou de “desolador” unha situación provocada por “un goberno que non sabe xestionar por ser cicatero”. Os socialistas galegos presentaron unha batería de iniciativas para reclamar o incremento dos recursos de persoal, así como os protocolos de actuación e os informes sobre o seu funcionamento ante a saturación de urxencias.
Ademais, criticou a resposta do goberno galego ás críticas transmitidas polos profesionais da sanidade xa que, dixo, “van ser agora os cidadáns os culpables de coller a gripe”. Comparouno coa reacción do goberno fronte ao colapso da AP-6 sinalando que “daquela resulta que a culpa foi dos condutores, e agora a culpa da gripe a van ter os que enferman”.
Desaxuste
Torrado subliñou hoxe a “incompetencia” do conselleiro de Sanidade, que aprobou a finais de novembro unha transferencia de 42 millóns de euros para un desfase da partida de implantes e material sanitario no III trimestre. Lembra que a Consellería repite un desaxuste de 100 millóns nesa partida cada ano dende 2015 sen que a Xunta teña a ben prevelo nos Orzamentos.
O responsable socialista lembra que en 2015 tiñan previsto 200 millóns e gastaron máis de 300, en 2016 orzamentaron 220 e gastaron 315, e en 2017 fixaron a partida en 219 millóns e no terceiro trimestre do ano xa tiñan gastados 300 millóns, un desfase que obriga ao conselleiro a “rapiñar” fondos de calquera outra partida do goberno galego.
Considera “gravísimo” que para cubrir este burato e “subsanar o seu déficit de xestión”, retíranlle fondos ás partidas de prevención de incendios, innovación educativa –2 millóns de euros-, comedores escolares –case 1,5 millóns- ou o 5 por cento dos orzamentos de toda a Consellería do Mar.
Lamentou que evidencia un problema de “xestión ineficiente” por parte duns “malos xestores” que presentan uns orzamentos “opacos e inservibles”, nun documento que finalmente “non vale para nada”.