A portavoz de Xustiza e Medio Ambiente do Grupo Socialista, Patricia Vilán, reclamoulle hoxe ao fiscal superior da Comunidade Autónoma na presentación da Memoria da Fiscalía correspondente ao ano 2016, hoxe en Comisión parlamentaria que explique se hai indicios de terrorismo incendiario en Galicia.
Apuntou que o “elocuente silencio” do fiscal apunta á falla de evidencias que respalden a versión oficial do presidente da Xunta e do goberno galego logo da vaga de lumes do pasado mes de outubro. Apelou así ás palabras do fiscal de Medio Ambiente de Galicia, que reiteradamente vén pronunciándose nese sentido.
Vilán reclamoulle ao fiscal que presente os resultados da instrución 1/2016 sobre as actuacións en materia de incendios forestais e as conclusións da xuntanza coas forzas policiais ao remate da campaña de 2016, na que sinala que aqueles non lle remitiron ás fiscalías os atestados nos que non había autor coñecido.
Violencia de xénero
Ademais, advertiu da ausencia na memoria do incremento das cifras de violencia de xénero rexistradas en 2016 e 2017, de acordo coas declaracións do propio fiscal, que apuntou a un incremento dun 10 por cento nos procedementos nos tribunais, así como do aumento do 9 por cento no número de denuncias con respecto a 2015.
Finalmente, alertou da falla de medios da fiscalía, tal e como sinala a Memoria, que advirte que en 2016 non se teña nomeado ningún fiscal nin funcionario de reforzo na Fiscalía de Galicia, logo das reiteradas peticións. Apuntou que “vostede debera estar en folga de fame”.