O portavoz de Marisqueo do Grupo Socialista, Julio Torrado, acusou hoxe á conselleira do Mar de “mentir para ocultar a súa incompetencia” no “fiasco” da candidatura de Vilaxoán á sede do Laboratorio Comunitario de Control Bacteriolóxico de Bivalvos. O responsable socialista reiterou a petición de dimisión da conselleira logo da resposta desta na sesión plenaria de onte.
Torrado desmentiu as afirmacións da Xunta porque, explicou, o Ministerio de Sanidade votou o 18 de outubro en Bruxelas a favor da disolución do laboratorio mentres Feijóo anunciaba publicamente a candidatura na sede do Intecmar o 24 de novembro, máis dun mes despois.
Criticou que a conselleira intentara responsabilizar onte a Cataluña, supostamente presente no Comité Europeo de Plantas, Animais, Vexetais e Alimentos, e ao comisario de Saúde e Seguridade Alimentaria como presidente. Explicou que naquela xuntanza si que participou o Ministerio de Sanidade, que ademais votou a favor.
O comisario, engadiu, non tomou a decisión, xa que foi resultado dun voto do órgano, como figura na acta, “por moito que Quintana dixera onte que non había orde do día”. Puntualizou finalmente que o goberno español saíu daquel encontro sen ter amosado ningunha obxección, como si que fixo Suecia, que presentou as súas alegacións en contra.