O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, criticou hoxe o desleixo demostrado por Feijóo mentres o Ministerio de Facenda incrementa o financiamento para as comunidades autónomas que incumpren cos límites de débeda e aquelas máis enriquecidas. Así o dixo na sesión de control ao presidente, na que criticou a falla de transparencia do goberno galego neste debate.
O responsable socialista explicou que Galicia pasou de estar financiada por enriba da media, de acordo co modelo de 2009, a situarse por debaixo ao incorporar os mecanismos extraordinarios de financiamento de Montoro –FLA e Fondo de Facilidade Financeira-. Espetoulle a Feijóo que “vostede é o presidente que por primeira vez na historia ve como Galicia se sitúa por debaixo da media” de financiamento.
Fernández Leiceaga acusou ao presidente da Xunta de manter o “triste papel de que suceda isto sen dicirlle nada a Montoro, sen dicirlle que é inaceptable porque financian máis ás incumpridoras e ás que teñen máis recursos, como o País Vasco, que ás que teñen máis necesidade de recursos, como Galicia”.
O portavoz socialista sustentou a súa intervención no estudo asinado polo director executivo da Fundación de Estudos de Economía Aplicada –Fedea-, membro da Comisión de Expertos de financiamento autonómico e asesor de Facenda, Ángel de la Fuente. Este sinala que Galicia situouse co modelo de 2009 por riba da media, pero que pasou a situarse por debaixo despois dos mecanismos extraordinarios postos en marcha en 2012.
Este novo modelo aplicado “de facto” supuxo máis de 5.000 millóns de euros de financiamento adicional para comunidades autónomas como Cataluña, mentres Galicia só percibiu 29. Por habitante e ano, precisou, algunhas comunidades autónomas recibiron 140 euros, mentres Galicia foi “a peor tratada de todas”, con apenas un euro adicional por habitante.
Volume de recursos
Fernández Leiceaga criticou a indolencia do presidente galego mentres isto sucedía, sometendo ao Parlamento a un “apagón informativo” dende o ditame presentado en xullo pola Comisión de Expertos sobre o novo modelo de financiamento autonómico. As conclusións daquel documento apuntan que a administración debera compensar ao conxunto do sistema entre 8.700 e 16.000 millóns de euros adicionais.
Criticou que o presidente da Xunta teña eludido ata hoxe presentar o “nivel de esixencia mínimo de Galicia” en relación a estes fondos adicionais, a pesares de que asinou un protocolo cos presidentes autonómicos e un convenio con Asturias e Castela e León reclamando novos recursos.
O portavoz socialista esixiulle a Feijóo que actúe “con transparencia, facendo un exercicio de firmeza e demostrando capacidade de liderado” para explicarse ante a Cámara e plantarse diante de Facenda coa posición de Galicia.
Sen embargo, advertiu, o conselleiro de Economía negocia co Goberno sen informar ao Parlamento e Feijóo evita cifrar o nivel mínimo ao que aspira para que Galicia teña a capacidade de prestar servizos básicos en boas condicións.