O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, criticou hoxe os Orzamentos da Xunta, “carentes de ambición” e que demostran “escasa aposta polo futuro”. Así o dixo no debate final en Pleno das contas para 2018, que foron aprobadas co voto en contra dos socialistas galegos e sen aprobar ningunha emenda das 445 presentadas polos socialistas galegos ao Estado de Gastos e apenas catro das 68 ao articulado.
Criticou uns orzamentos “incapaces de restañar os desequilibrios sociais agravados pola crise” e que “máis ben ao contrario, fan máis fondo o desequilibro” debido a unha política de ingresos “pouco ambiciosa”. Criticou que “teñamos a presión Lituania e pretendan situar o gasto público a niveis de Suecia ou Finlandia”, polo que reclamou afondar na carga fiscal para as maiores fortunas, as empresas contaminantes ou centros comerciais.
O responsable socialista reclamou “recompoñer o contrato social” atacando á desigualdade a través de políticas de impulso da economía e da creación de emprego de calidade. Urxiu a “facer posible que a eficiencia do mercado sexa compatible cunha maior integración social e coa capacidade de preparar o futuro”.
Fernández Leiceaga acusou así ao goberno galego de presentar uns orzamentos “só válidos para unha política de propaganda, para provocar un efecto placebo, pero que non actúan de verdade sobre os problemas de Galicia”.
Criticou así a situación na que teñen situado á sanidade e á educación, reducindo os cadros de persoal e disparando a precariedade, “dificultando o funcionamento” destes servizos públicos, mentres convocan unha OPE “demasiado tardía” e insuficiente. O portavoz socialista dixo que “non é posible unha educación de primeira con salarios de segunda nin unha sanidade de primeira con condicións de terceira.
Advertiu que o PP ten rexeitado en bloque tódalas propostas socialistas dirixidas a “apuntalar o investimento en centros de saúde, equipamentos educativos, saneamento e algunhas infraestruturas para impulsar a competitividade”. O portavoz socialista explicou que “existen necesidades de investimento claras que non se poden cubrir porque non fan o esforzo necesario en materia de ingresos”.
Execución
Fernández Leiceaga reclamou “algunha indicación para que poidamos crer que fan unha proposta solvente” de Orzamentos, que están a ser lastrados cada exercicio por unha execución orzamentaria mínima en aspectos fundamentais. Sinalou así a execución das partidas de I+D+i, a un 0,8 por cento en setembro, e as baixas cifras das partidas de emprego, desenvolvemento rural ou desenvolvemento sostible de zonas de pesca.
Criticou así que anuncien incrementos orzamentarios cando “despois non executan” as partidas destinadas por exemplo dos programas para emprego. Lamentou o desleixo cando hai 60.000 fogares nos que non traballa ninguén, 33.000 sen ingresos, 95.000 parados de longa duración, un 9 por cento de nenos e nenas vivindo en fogares sen traballo e Galicia continúa rexistrando 2.000 desafiuzamentos cada ano.
Ademais, a creación de emprego resulta insuficiente para recuperar o ritmo co resto do Estado, máxime cando aumenta o traballo precario e axuste salarial tradúcese en máis beneficios empresariais pero ningún investimento novo.
Lamentou a “ineficacia” demostrada pola Xunta á hora de aproveitar a recuperación económica, cuns niveis de execución da I+D+i “preocupantes”, o Igape permanece parado e o desemprego xuvenil alcanza o récord do 33 por cento.
Mentres, advertiu, “Feijóo renuncia a utilizar a débeda que tería autorizada, baixa os impostos sen que iso se traduza nun efecto sobre o crecemento económico e renuncia a criticar a Montoro” na xestión dos mecanismos extraordinarios de financiamento das comunidades autónomas, que discriminan a Galicia. Este mesmo presidente, preguntou, “é o mesmo que se vai presentar diante dos seus colegas dicindo que necesita máis”.
Articulado
O portavoz de Economía do Grupo Socialista, Abel Losada, defendeu hoxe as 62 emendas presentadas polos socialistas ao articulado da Lei de Orzamentos, das que foron incorporadas dúas, para habilitar o incremento das bolsas de estudos, e outras dúas transaccionadas co PP, para mellorar as axudas aos afectados polos incendios e para que os entes instrumentais informen ao Parlamento dos seus orzamentos.
As propostas socialistas, explicou, céntranse na defensa dos servizos públicos e dos seus traballadores, incrementar o control sobre a Administración e a transparencia das súas actuacións, impulsar a actividade económica e o reforzo da autonomía dos concellos.
Losada criticou que o PP defenda “de boquilla” os servizos públicos mentres reduce os dereitos dos profesionais, e diga apostar polo municipalismo mentres carga aos concellos de obrigas e reduce os seus recursos, co que “a Xunta invita, os alcaldes pagan”.