A portavoz de Emprego do Grupo Socialista, Noela Blanco, lamentou a “tranquilidade” do PP mentres Galicia “continúa no podium das comunidades co menor salario medio”, só por diante de Canarias e Estremadura. Así o dixo logo do veto do PP a unha proposición non de Lei que presentou no Pleno de hoxe para mellorar as condicións laborais.
A responsable socialista reclamou “romper coa dinámica instalada en España de baixos salarios, precarización e aparición de traballadores pobres para dar paso a un novo modelo de salarios decentes no noso país”. Explicou que esa será a única forma de acelerar a recuperación da economía, que hoxe rexistra niveis de consumo propios da crise económica.
Criticou o desleixo do goberno galego diante do escaso músculo demostrado pola economía galega para a creación de emprego, tan só ao 60 por cento da media estatal. Noela Blanco apuntou que os aproximadamente 19.500 empregos creados no último ano supoñen o 4 por cento do total do Estado, e dixo que de acadar o mesmo nivel de creación de emprego suporía ter 10.000 empregos máis.
Noela Blanco reivindicou o incremento salarial para romper co “cortalumes” do modelo salarial que “impide que o progreso económico e social se estenda á maioría dos españois, poñendo ademais en risco a recuperación económica”. Propuxo ademais acordar cos sindicatos un incremento gradual do Salario Mínimo Interprofesional ata acadar os 1.000 euros mensuais en 2020, de acordo coa Carta Social Europea.
Tamén propuxo atallar os “abusos da contratación temporal”, onde os empresarios “atopan unha vía de escape aos novos horizontes de salarios decentes” ao empregalo como “un instrumento para precarizar a man de obra a través da continua rotación de contratos”. Advertiu que hoxe hai 100.000 traballadores menos con contratos indefinidos que no ano 2009.
Reivindicou recuperar as condicións laborais tamén dos empregos públicos, aplicar medidas drásticas que acaben coa fenda salarial de xénero, ou a posta en marcha das medidas previstas para a mellora das condicións do emprego xuvenil. Neste sentido propoñen a revisión e promoción do contrato de substitución, do contrato en prácticas, a nova regulación das prácticas non laborais e os programas de bolseiros, o Estatuto do Bolseiro e a supresión das prácticas extracurriculares.
Finalmente, reivindicou “rematar co problema dos falsos autónomos”, que “agocha unha estratexia fraudulenta para incrementar a competitividade empresarial á conta do traballador”, e supón “o exemplo extremo do modelo de salarios baixos e precarización que debemos erradicar de España”.