O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, reclamoulle hoxe ao conselleiro que destine “menos flores para os profesionais sanitarios e máis orzamentos” para mellorar a súa situación e a calidade do servizo. Así o dixo no debate dunha moción socialista na que reclamou máis recursos de persoal para recuperar a calidade da atención perdida cos gobernos de Feijóo, que foi vetada polo PP.
O responsable socialista levou á Cámara as peticións dos profesionais sanitarios, cansos de que “se fale ben sobre o seu traballo, pero á hora da verdade reducen o orzamento para persoal”. Torrado sinalou que “falar por falar é gratis, pero a sanidade hai que pagala e poñer máis persoal”, mentres o goberno galego responde convocando unha Oferta Pública de Emprego “insuficiente e deficiente”.
Torrado acusou á Xunta de ser “voluntariamente ineficiente ao bloquear a súa propia OPE ao non enviarlle ao Ministerio de Facenda os datos sobre as prazas vacantes existentes”. Lamentou o veto da proposta socialista na que lle reclamaban ao goberno galego “poñer a disposición do Ministerio de Hacienda toda a información necesaria para facilitar a convocatoria máis ampla posible da OPE”.
Advertiu que a convocatoria da Xunta se limita aos 5.000 novas prazas cando os socialistas “propuxemos contratar 6.500 nesta lexislatura” e valorou que “se vaian achegando á nosa proposta”. Advertiu que cos anuncios do Sergas “non van resolver a precariedade, os contratos por horas nin as condicións leoninas impostas ao persoal que é chamado para traballar cunha marxe de minutos”.
Os socialista galegos reclamaron o compromiso do goberno galego para convocar unha OPE en Sanidade para o ano 2018 “de igual ou maior cantidade que a convocatoria de 2017”. Ademais, reclamaron a convocatoria en 2019 e 2020 de novas OPEs “que alcancen ou superen os 3.000 profesionais sanitarios conxuntamente” e continuar co diálogo coas organizacións sindicais para recuperar as condicións laborais paralizadas en 2010.
Precariedade
O parlamentario socialista reclamou hoxe ademais “algo tan perigoso como un informe sobre Recursos Humanos do Sergas que inclúa o número e distribución das prazas orzamentadas entre 2015 e 2017. Tamén reclamou coñecer a duración e o salario medio dos contratos eventuais do Sergas entre 2015 e 2017, e a estimación deste tipo de contratos precarios previstos para o ano 2018.
Torrado criticou que destinen 400 millóns de euros a “patrocinar a precariedade do persoal sanitario” contratando a traballadores temporais para postos estruturais da sanidade.
criticou as condicións nas que ten que traballar este persoal, acumulando 270 contratos en 5 anos, dous nun mesmo día, avisos ás 8 da mañá para entrar a traballar a esa mesma hora, obrigados a resolver a súa vida persoal “en minutos”. Sinalou que están inhabilitados de dispoñer de tempo persoal “porque teñen que estar dispoñibles” baixo o risco de perder o seu posto nas listas de contratación.