Os deputados e deputadas socialistas utilizan as súas intervencións na sesión plenaria do Parlamento de Galicia para reivindicar o cumprimento do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. A portavoz de Política Social e Emprego, Noela Blanco, iniciou a primeira intervención do día lembrando que o próximo sábado, día 25, é o Día Internacional pola Eliminación das violencias contra as Mulleres.
A deputada socialista sinalou que “nesta loita non cabe o silencio, require a implicación activa e o compromiso individual e colectivo de tódalas mulleres e tódolos homes”. Por este motivo, continuou, “eu comprométome, como deputada do partido socialista, co Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e prometo traballar por e para mellorar e enriquecer o mesmo, dende o colectivo e individualmente”.
A partir de aí, tódolos deputados e deputadas que intervirán amosarán con diferentes fórmulas o seu compromiso con este pacto aprobado no Congreso e o Senado o pasado 28 de xullo.
A continuación, xa pola tarde, terá lugar o debate da proposición non de Lei do Grupo Socialista para reivindicar acurtar os prazos establecidos, poñer en funcionamento as medidas adoptadas no dito pacto. Sinala “especialmente aquelas medidas que teñen que ver coas entidades locais e o papel que lles corresponde no ámbito da atención e protección das mulleres vítimas e as súas fillas e fillos”.
Tamén reclaman activar e trasladar de forma urxente as partidas orzamentarias acordadas para a execución dos acordos do pacto ao conxunto das administracións implicadas, como son as comunidades e cidades autónomas, as deputacións provinciais, os cabildos insulares e os concellos.