A portavoz de Xustiza do Grupo Socialista, Patricia Vilán, explicou hoxe o rexeitamento do PSdeG á prisión permanente revisable, incorporada ao ordenamento xurídico polo PP en 2015, porque é “cadea perpetua encuberta”. Os socialistas votaron hoxe en contra dunha proposición non de Lei do PP a favor desta pena que, explicou, resulta “contraria aos principios de reeducación e reinserción social do sistema penal”.
A responsable socialista lembrou que a dita figura penal está pendente de sentenza por parte do Tribunal Constitucional, logo de ter sido recorrida precisamente polo PSOE, que a considera “unha das penas máis inhumanas que existen, despois da pena de morte”. Vilán dixo ademais que resulta “contraria a unha política criminal inspirada no principio de humanidade e na atención das necesidades das vítimas”.
Acusou ao PP de levar este debate ao Parlamento demostrando unha “maneira ruín de facer política utilizando a dor das vítimas” e coa que “pretenden converter o sufrimento e a indignación da sociedade nunha arma política arroxadiza”.
Cualificou de “indecencia” esta estratexia por parte dun partido que se ten situado, dixo, á altura do estudoso do dereito penal do século XIX, Cesare Lombrosso, quen afirmaba que “para os criminais adultos non hai moitos remedios, é preciso ou ben encerralos para sempre (…) ou suprimilos cando a súa incorrexibilidade os volve demasiado perigosos”.