A portavoz de Urbanismo do Grupo Socialista, María Pierres, urxiu á Xunta a “artellar medidas moito máis eficaces e axudar aos concellos en coordinación coa Fegamp” para afrontar “o problema das 50.000 vivendas inacabadas que hai en Galicia”. Pierres presentou hoxe en Carral unha proposición non de Lei que será debatida mañá xoves na Comisión de Ordenación Territorial do Parlamento.
A responsable socialista acudiu xunto co portavoz do PSdeG de Carral, Pablo Couto, ao exterior dunha das máis de 200 vivendas que este Concello ten sen rematar e que supoñen un serio problema para os concellos. Explicou que “o que impide resolver casos como o desta localidade é o efecto rebote” cando os concellos renuncian a actuar polo risco de que teñan que afrontar o custe inasumible da demolición do inmoble.
Sinalou que se trata da “última das solucións para as vivendas inacabadas” polo que reclamoulle ao goberno galego que “intermedie antes e resolva os expedientes coa terminación das vivendas”. Ademais, reclamou “axuda para concellos e vilas pequenos con máis dificultade pola súa incapacidade económica para levar a cabo a demolición como resolución última”.
Explicou que este problema repítese en “practicamente tódolos concellos de Galicia” con casos especialmente agudos como, ademais de Carral, Barreiros, Narón, Valdoviño, Monforte, Oia ou Sanxenxo. Pierres reclamou un informe sobre as edificacións inacabadas de Galicia coas especiais casuísticas e expedientes abertos nos concellos e “ter unha mellor idea dun problema especialmente grave no caso das edificacións plurifamiliares”.
Lei do Solo
O portavoz socialista no Concello de Carral, Pablo Couto, alertou da incapacidade de concellos como este para aplicar as ferramentas supostamente dispostas na Lei do Solo e resolver este problema. Advertiu que estas vivendas “deixan a moita xente afectada, como quen comprou sobre plano e finalmente quedou sen vivenda”.
Lembrou o Pleno extraordinario no Concello sobre a situación destas vivendas, logo de que a Xunta deixara o problema nas mans dos concellos, e que derivou en que “o PP negouse a aplicar a orde de execución, demostrando que se trata dunha ferramenta que non ten moita forza ou que os concellos non se ven capacitados para aplicala”.