O portavoz da Executiva, Julio Torrado, avanzou tras a reunión desta tarde que o Congreso Nacional se celebrará antes do 23 de marzo
Criticou que Rueda vaia comparecer no Parlamento para falar de Orzamentos sen adiantar ningunha información: “Sería moito máis útil que a Cámara se usase como lugar de confrontación de ideas e posibles acordos”
A reunión da Executiva do PSdeG comezou esta tarde cun minuto de silencio por Fadoua Akkar, vítima do último crime machista ocorrido en Galicia. Julio Torrado iniciou a súa comparecencia posterior á xuntanza manifestando a “frustración” que provocan ese tipo de asasinatos e a “preocupación” ante a necesidade de tomar medidas eficaces para atallalos. “O machismo mata, e temos que estar todos moi concienciados delo, porque se non, seguiremos gardando minutos de silencio”, sinalou o portavoz da Executiva.
Torrado repasou durante a rolda de prensa os asuntos que se trataron no encontro, e avanzou, sobre o ciclo Diálogos con Raíz, que a próxima xornada se celebrará o sábado 26 de outubro en Ferrol. Nesta ocasión estará centrada na enerxía e nas posibilidades que ofrecen para Galicia as renovables e as novas tecnoloxías de almacenamento.
O encontro da cidade naval será o primeiro dun bloque de catro que ocuparán as fins de semana previas ao Congreso Federal de Sevilla. “Queremos debater sobre cuestións importantes para Galicia e poder ter espazos onde conversar entre a sociedade e os partidos políticos”, destacou.
Respecto do propio Congreso Federal, que se celebrará entre o 29 de novembro e o 1 de decembro, destacou que o PSdeG contará con 65 delegados. Deles, 24 correspóndenlle á Coruña, 18 a Pontevedra, 13 a Ourense e 10 a Lugo. Os secretarios provinciais encabezarán cada unha das catro delegacións, excepto no caso de Lugo, onde o secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, figurará á fronte. En total, sumados observadores e invitados, a presenza de galegas e galegos sumará máis de 100 persoas.
O voceiro tamén avanzou que logo dese proceso federal, o Congreso Nacional do PSdeG terá como data límite o 23 de marzo. Nas seguintes reunións dos órganos internos dos socialistas galegos realizarase a convocatoria e determinaranse os días exactos.
A Executiva serviu para facer unha análise preliminar dos Orzamentos da Xunta, que o secretario xeral xa adiantou esta mañá. Julio Torrado criticou que Rueda se dedicara “unicamente a dicir que ía comparecer” no pleno do Parlamento, pero “non adiantou ningunha información nin temos ningunha documentación, e sería moito máis útil para o debete que a Cámara se usase como lugar de confrontación de ideas e posibles acordos”.
Financiamento local
Tamén se analizou o punto no que se atopan os Presupostos Xerais do Estado e o traballo do PSdeG para que o Goberno “contemple as propostas que lle facemos dende Galicia”. Entre elas, os socialistas defenderán investimentos relevantes e que no debate sobre o financiamento das administracións públicas se inclúa, ademais de ás comunidades autónomas, aos concellos. Un punto moi concreto será o incremento da bonificación da AP-9 ata o 75 % das viaxes dos usuarios habituais.