A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Noela Blanco, acusou hoxe á Xunta de deixar a 3.800 familias sen praza nas escolas infantís públicas na última convocatoria. A responsable socialista cualificou de “fiasco” a promesa de Feijóo de dotar cada polígono industrial dunha escola infantil, xa que “nos últimos 2 anos fixeron 3, a este ritmo necesitarían 30 anos máis”.
Blanco criticou a falla de prazas dende a chegada de Feijóo, que “o único que fixo foi cambiarlles o nome por revanchismo político, subir os prezos máis dun 19 por cento, duplicar os prezos de comedor e presentar como novidade os concertos coas escolas privadas en 2015”.
Máis alá, sinalou, “o único que fixeron foi emborrachar á cidadanía con cifras de novas prazas en cada convocatoria electoral” pasando de anunciar 4.500 en 2010 e 5.200 en 2011 a 1.800 en 2015 e 1.000 en 2016. Advertiu que sumadas suporían 13.000 promesas de prazas, pero “das que somentes un terzo se teñen materializado, a gran maioría delas xa proxectadas polo goberno de Emilio Pérez Touriño”.
Lembrou que o goberno presidido polo PSdeG deixou proxectadas máis de 3.000, o que supón “máis do 80 por cento do que teñen feito nestes anos”. Somentes incrementaron, dixo, as escolas financiadas pola Fundación Amancio Ortega en Ourense, Santiago e Lugo, e as prazas concertadas duplicáronse cada ano dende as 256 de 2016 ás 424 de 2017.