O portavoz de Agricultura do Grupo Socialista, José Manuel Pérez Seco, instou hoxe ao goberno galego a rematar dunha vez co proceso de concentración parcelaria en Lago, Meirás e O Val, nos concellos de Narón e Valdoviño. O responsable socialista presentou unha pregunta en Comisión polos continuos retrasos dun proceso que comezou como urxente hai agora 27 anos.
Pérez Seco apuntou que o proceso de reestruturación parcelaria segue sen rematar logo de que a Xunta publicara o 27 de abril de 2016 a toma de posesión provisional das leiras, entrando na fase final dun proceso que comezara en 1991. En outubro de 2018 os propietarios son coñecedores por fin das novas parcelas e dos seus dereitos de explotación, pero “seguen agardando a que a Xunta lles faga entrega dos títulos de propiedade”.
O parlamentario socialista contrasta a parsimonia demostrada polo Executivo presidido por Núñez Feijóo coas súas declaracións, que veñen de denominar esta como a “Lexislatura do Rural”, co compromiso explícito de rematar todos os procesos de concentración parcelaria abertos, pero “o tempo non deixa de pasar e os procesos non avanzan en paralelo”.
Advirte que as concentracións parcelarias “resultan cruciais para o relanzamento do rural” polo minifundio predominante en Galicia, o que “xunto coa modernización e mecanización da agricultura, a creación de novos prados ou a mellora dos antigos fai que as concentracións parcelarias sexan moi beneficiosas”. Reclamou un esforzo do goberno galego por salvar as “moitas dificultades e a lentitude destes procesos”.