A responsable socialista Patricia Vilán presentou unha serie de iniciativas parlamentarias nas que lle reclama ao goberno galego que demostre o seu compromiso con Pontevedra incluíndo nos Orzamentos de 2019 ata 11 actuacións básicas para a cidade de Pontevedra.
Vilán reclama así unha serie de actuacións fundamentais en materia de infraestruturas, transporte, política social, medio ambiente ou sanidade e que ratifique con partidas orzamentarias o seu compromiso con “demandas que a cidade necesita dende hai décadas e polas que ningunha das administracións se ten preocupado”.
Neste sentido, reclama a execución da Variante de Alba, unha estación intermodal que una ás actuais de autobuses e de tren, desbotando o “paso a nivel” entre ambas e salvando así a rúa de dobre sentido e o semáforo que existen na actualidade. Tamén demanda un pavillón para o barrio de A Parda e un plan de transporte metropolitano e urbano para a cidade.
Patricia Vilán continúa trasladando ao Parlamento a solicitude dunha nova residencia da terceira idade “totalmente pública en canto á súa construción e xestión”, así como a rexeneración da Ría de Pontevedra, incluíndo a construción da Edar de Os Praceres e a dragaxe do fondo da Ría.
En materia de Política Social, reclama a solución dos problemas do Punto de Encontro Familiar, cambiando a ubicación e incrementando a dotación de persoal, así como a reforma e a contratación de máis traballadores para a Residencia de Maiores de Campolongo e do centro de menores Avelino Montero.
Reivindica ademais a reforma do Hospital Provincial e a creación de a lo menos dous equipos de Valoración da Discapacidade, así como o cumprimento das obrigas comprometidas coa deputación de Pontevedra en 1991 e ratificadas en 2000 para a conservación do Pazo de Lourizán.