O secretario xeral subliña que o “traballo intenso” dos socialistas galegos para “conectar coa maioría social” permite “ir a por todas” nas vindeiras citas electorais
Ponteareas, 28 de abril de 2018. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visitou hoxe, cando se cumpren seis meses do congreso no que foi ratificado como líder dos socialistas galegos, a súa vila natal, Ponteareas. Dende alí destacou que este medio ano ten sido de “un traballo intenso” para “cimentar a nova etapa do PSdeG” e amosar un partido que “representa un cambio no que os galegos poden confiar”.
Na liña dese “cambio fiable” para “poder conectar coa maioría social de progreso”, Gonzalo Caballero avanzou que o PSdeG está preparado para “ir a por todas” nas vindeiras citas electorais.
“Queremos dicir a Galicia que o PSdeG está fortalecido e renovado para ser o cambio no que os cidadáns poden confiar para unha nova etapa política en Galicia”, proclamou o secretario xeral, en compañía da tenente de alcalde de Ponteareas, Chus Garrote, membros do grupo municipal socialista e o exalcalde da vila, Francisco Candeira.
Quen ten sido, segundo as súas palabras, “un militante inconformista” do PSdeG, resaltou que acadou as súas actuais responsabilidades á fronte do partido “co apoio da militancia para dar un cambio político a Galicia”.
“Queremos facelo en contacto coa Galicia máis urbana, máis puxante, e tamén coas vilas e os concellos máis pequenos”, aseverou Gonzalo Caballero, partidario de seguir “a pé de país” para chegar a todos os municipios. Nesa liña, aproveitou para poñer en valor o traballo dos socialistas ponteareáns dende o goberno local, facendo un pobo “máis habitable, humanizado e cómodo” e poñéndoo “ao servizo dos cidadáns”.
“A MELLOR POLÍTICA MUNICIPAL”
De feito, o secretario xeral sostivo que “o PSdeG representa a mellor política municipal” para Ponteareas fronte a “outros tempos”. Agora, resaltou, o importante programa de obras posto en marcha enfocado a “mellorar a calidade de vida dos veciños” e construír a Ponteareas “do século XXI”.
Pola súa banda, a tenente de alcalde de Ponteareas, Chus Garrote, asegurou que “o goberno de Ponteareas e os socialistas demostramos que sabemos gobernar mellor, que sabemos xestionar os cartos dos nosos veciños mellor que a dereita e sempre pensando no benestar dos nosos veciños”. O PSdeG-PSOE de Ponteareas está preparado para gañar as eleccións municipais e para que Ponteareas teña a primeira alcaldesa socialista da súa historia, engadiu.
HOMENAXE A MILITANTES
O secretario xeral, Gonzalo Caballero, tamén participará nunha comida, xunto coa Presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o Secretario Xeral provincial, David Regades, na que se homenaxeará a tres militantes históricas.
Como recoñecemento á súa traxectoria, recibirán un ramo de rosas vermellas e un agasallo, se ben o detalle máis especial é a carta coa que o Secretario Xeral do PSOE, Pedro Sánchez, quixo agradecer os anos de compromiso socialista das homenaxeadas.