O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, criticou hoxe que o presidente da Xunta limite a súa crítica contra o cupo vasco a “os medios de comunicación” e desafíao a poñela “enriba da mesa de Rajoy”. Así o dixo durante a visita a Galicia do secretario de Xustiza, Liberdade e Novos Dereitos do PSOE, Andrés Perelló, quen lle reclamou ao presidente galego que leve as súas protestas á Moncloa.
Gonzalo Caballero transmitiu a súa “sorpresa” polas queixas públicas do presidente da Xunta, cando “é Rajoy quen ten a obriga de presentar un novo modelo de financiamento cando está demostrado que xa non funciona”. Acusou a Feijóo de “incumprir o seu deber de plantexar un modelo de financiamento pensado por e para os galegos específicamente”.
Reclamou “unha nova etapa presidida pola xustiza, solidariedade e a igualdade de trato”, e que atenda ás especificidades de Galicia, con especial incidencia no avellentamento e a dispersión poboacional. Sinalou que “o cupo vasco é relevante, pero é necesario enmarcalo nun modelo xeral” que atenda ás necesidades de todo o territorio e, dixo, “se non son capaces de presentalo, que nos deixen configurar un modelo alternativo dende a esquerda”.
O secretario de Xustiza do PSOE dixo que as críticas ao acordo para o cupo vasco “toca fondo por non garantir a igualdade, a suficiencia e a transparencia”, optando pola “opacidade” e abordalo antes de poñer enriba da mesa un modelo de financiamento alternativo, que “é o que tiña que ter feito Rajoy”.
O responsable socialista pechou hoxe dúas xornadas de traballo na súa visita a Galicia para coordinar a liña de actuación relacionada coa xustiza, os novos dereitos e liberdades entre as direccións galega e madrileña con, dixo, “perfecta conexión” entre os modelos que representan Pedro Sánchez e Gonzalo Caballero.
Apelou á “nova etapa” que se ten aberto logo das eleccións primarias tanto a nivel estatal como galego, e as políticas progresistas representadas polo PSOE, radicalmente opostas ás políticas da dereita de Rajoy e Feijóo. A actuación do PP nos gobernos central e autonómico, dixo, está detrás da “terrible desigualdade” xerada durante os últimos anos, así como do “dano” provocado na credibilidade e a economía estatal logo do rescate bancario que custou 40.000 euros.
Lembrou que hoxe España está gobernada polo “único partido da UE procesado por corrupción”, ata o punto de que o seu presidente tivo que declarar diante da xustiza por este motivo. Un presidente, engadiu, que “non entende a pluralidade de España”, o que ten ocasionado “o desastre da política territorial” evidenciado en Cataluña e, agora, no conflito xerado polo financiamento autonómico.
Fundación Franco
Gonzalo Caballero adiantou hoxe a proposta socialista de abrir “un novo escenario e un novo marco que permita poñer fin ás fundacións que teñen como finalidade promover a ditadores ou dirixentes que restrinxiron liberdades políticas e económicas, sinaladamente facemos referencia á Fundación Franco”.
O secretario de Xustiza, Andrés Perelló, afondou neste aspecto abrindo a porta a unha proposta de reforma da Lei de Memoria Histórica en profundidade para equiparar España con lexislacións do entorno europeo como Alemaña. Sinalou que mentres naquel país o enaltecemento do nazismo “está tipificado no código penal”, en España “non só non está tipificado o enaltecemento do franquismo, senón que financiamos con diñeiro público a quen o enaltece”.
Aludiu así á Fundación Franco, unha entidade que está a ser a encargada de xestionar as polémicas visitas do público ao Pazo de Meirás, declarado Ben de Interese Cultural. Reclamou a “prohibición de constitución de fundacións ou daquelas que estean constituídas, cando teñan como finalidade enaltecer a memoria da sinistra ditadura que viviu España ou de figuras fascistas”.
Explicou que “a democracia pode soportar calquera cousa, agás financiar a aqueles que queren acabar con ela”. Perelló introduciu esta reforma no “marco de novos dereitos e liberdades” proposto polos socialistas, que presentou estes días en Galicia e que inclúen a morte digna ou introducir a transparencia como elemento de control xudicial da contratación con bancos e empresas fronte ás cláusulas que levaron ao engano e empobrecemento de familias e estar a nivel UE.
Plantexou “un novo marco político para o século XXI, conscientes que mais alá de crise económica, vivimos a caída dunha época que obriga a dar respostas dende a esquerda e alternativa a unha dereita política egoísta, cicatera e cun sentido patrimonialista e privativo da administración pública e da defensa dos intereses dos seus, que soin os grandes poderes e as elites financeiras”.